29/06/17

Carta de despedida de 6º

CARTA  DE  DESPEDIDA  DE  6º


 O alumnado de 6º escribiu esta carta para despedirse do colexio.
Bos días!   Boas tardes!   Boas noites!
O primeiro que queremos dicir é que este día é moi especial para nós, xa que vai ser o último que pasemos aquí. Aínda que estamos tristes por abandonar Quintela, tamén estamos contentos por poder pasar de curso. Levamos tanto tempo esperando a ser os maiores do colexio que agora que o somos a algún e algunha pasóusenos pola cabeza desexar estar en 1º para que nos quedaran máis cursos no cole e non ter que marchar para o instituto. Pero, quedarse toda a vida aquí sería aburrido, non? 
En cada esquina temos un recordo, un sorriso ou, incluso, unha risa. 
Para empezar queremos dar as grazas a todos os mestres e mestras: por responder ás nosas preguntas, por explicar todo tantas veces, por ensinarnos a coñecer tantas cousas, por aguantarnos nos momentos que fixemos das nosas, ...
A maioría de nós pensa que o instituto vai ser máis complicado e ademais, seremos os pequenos alí. 
Danos moita pena deixar o colexio xa que aquí vivimos moi bos momentos e fixemos moitos amigos e amigas ao longo de toda a nosa vida escolar. Vai ser moi difícil non chorar agora porque lembraremos as risas, as aventuras e as anécdotas que vivimos; pero tamén, recordaremos as cousas non tan boas a pesar de que agora  non estamos aquí para reprochar senon para dar mil grazas a todas e todos.
Esperamos facer novos recordos e novos amigos e amigas porque aínda que nos dean medo os cambios sabemos que son todos imprescindibles para as nosas vidas.

Grazas  Quintela por darnos todos estes anos!!!

QUERÉMOSVOS!!!

P. D. :  Que pasedes un bo verán!!!

28/06/17

Último día para 6º

Chegou o  último día no colexio para a clase de 6º. As emocións están a flor de pel (quen opina é a titora). Todo o cole vai celebrar unha merendola: Infantil no seu patio e Primaria no seu. A 6º, por seren os maiores, correspóndelle preparar as mesas, recoller as merendas polas clases e distribuílas nos grupos de mesas que colocaron no patio de atrás. Só poideron poñer as merendas caseiras porque eran moitísimas e as bolsas do súper quedan para setembro que non caducan.




Despois compartimos a merenda co resto dos cursos.



Tamén compartimos os bailes da nosa vida escolar.



Despois, volvemos  bailar o baile da festa do Comicon para todo o colexio e conseguimos que se uniran. Por último, lemos a carta de despedida( que irá noutra entrada) e ....... chegou o momento de compartir as emocións da despedida.









O cole de Quintela desexa que o camiño que agora emprendedes estea cheo de oportunidades para vós.


25/06/17

OS PREPARATIVOS DA FESTA DE FIN DE CURSO

O ALUMNADO E 5º DE PRIMARIA AXUDOU AOS MÁIS PEQUENOS DO COLE AOS PREPARATIVOS DA FESTA DE FIN DE CURSO. FIXEMOS ENTRE TOD@S  UN MURAL E UNHAS CADENETAS MOI COLORIDAS.
CHIC@S, MOITAS GRAZAS POR AXUDARNOS!!!












20/06/17

Para 6º comeza a recta final

O xoves 15 todo o cole estivo de excursión en Ponte Sampaio(tan preto de nós e sen coñecelo). Por ser os maiores levamos da man aos nenos e nenas de 1º ata onde eles ían descansar e nós seguimos o noso camiño con 4º e 5º ata a illa do Medal; onde tamén descansamos, xogamos e merendamos. O alumnado de 1º xa esperaba con ganas por nós porque gustáralles cando os acompañaramos á festa do Comicon.






Camiño da illa e dentro da illa.





Despois de xantar na carballeira do praia de Arcade fomos ao parque infantil e.... como gozamos no parque infantil. Foi como se foramos nenas e nenos pequenos de novo.





16/06/17

BIOGRAFÍA DE CARLOS CASARES FEITA POLO ALUMNADO DE 5º CURSO

Menudo traballo que fixeron os nenos e nenas de 5º curso para facilitarnos a comprensión da vida de Carlos Casares cando visitamos a exposición interactiva que temos no recibidor do cole. Ao enfocar cos dispositivos móbiles, podemos ver o 30Hands que nos prepararon para saber sobre el.


12/06/17

Charla en 6º

A sexualidade

O mércores, 7 de xuño, tivemos en 6º unha charla titulada: A sexualidade. A matrona do centro de saúde de Moaña en coordinación coa concellalía de Servizos Sociais do concello achegouse ao colexio a falarnos sobre sexualidade acompañada pola concelleira María Ortega.
Como estamos dando o tema da reprodución en naturais serviunos para repasar os coñecementos que estamos adquirindo e coñecer máis sobre o tema. Non nos sentimos nin nerviosos nin incómodos. Vainos ser útil para entender mellor a etapa da vida na que estamos entrando: a puberdade.
Pareceunos moi interesante porque ademais Rosa, a matrona, falounos con moita naturalidade.





10/06/17

6º PRACTICA O LANZAMENTO DE XAVELINA NAS PISTAS DE ATLETISMO DA XUNQUEIRA

Os nenos e nenas de 6º curso estivemos onte nas pistas de atletismo da Xunqueira para practicar as distintas probas nas que imos participar na Olimpíada e, sobre todo, para coñecer o lanzamento de xavelina, que só se fai en 6º de primaria.
Temos unha xavelina igualiña a que utilizan na competición e, gustounos moitísimo lanzar!!!! Pasámolo xenial!!!!




06/06/17

AUTOBIOGRAFÍAS DE 6º CURSO

Como xa sabemos, o alumnado de 6º curso fai unha autobiografía ao finalizar a etapa de primaria. Na mesma, contan un pouco como é a súa infancia e etapa escolar ata chegar a 6º curso. Tamén engaden fotos que teñen que enviarnos por correo electrónico ao cole, para logo descargalas nos ordenadores, pasalas a un pincho e copialas nos seus ordenadores para poder pegalas na autobiografía.
Na aula Tic estivemos aprendendo a facer todo iso e, ademáis, a escanear e enviar as fotos escaneadas por correo electrónico!!
Encantounos!!!



Paseo polo río da Fraga

O venres pasado, a clase de 5º fixemos unha excursión polo río da Fraga.
Esta saída forma parte do proxecto  da Concellalía de Ensino de Moaña "Aprende Moaña". No recorrido acompañounos Chani, un traballador do Concello, grazas ao cal puidemos diferenciar, na flora,  as diferentes especies tanto  autóctonas como  invasoras.
Tamén observamos a fauna propia deste ecosistema e achegámonos a algún dos muíños que hai na zona.
A finalidade fundamental da saída foi, por suposto disfrutar dela, pero sobre todo concienciarnos da importancia de coidar o medio ambente.

5º e o Sistema Solar

A clase de 5º fixo un traballo de investigación sobre o Sistema Solar acompañado dunhas maquetas de elaboración personal que a continuación expoñemos.
Esperamos que vos guste.